viaartabraO pasado luns, 4 de marzo, un día antes de que entrara en vigor a prohibición dos actos de propaganda de logros, a conselleira Ethel Vázquez apurouse a presentar o proxecto da conexión da Vía Ártabra coa AP-9. Para elo utilizou a última tecnoloxía en simulación e infografías. A pantalla comezou a encherse de espectaculares imaxes acompañadas dun relato que as enaltecía aínda mais… o obxetivo era claro: suprimir parte da información utilizando falacias e propaganda. Isto chámase manipulación. Manipulación 3.0, pero manipulación, que só busca favorecer un interés partidista e localista.

O pasado luns a conselleira presentou unha obra millonaria, 35 millóns de euros de orzamento. Un “obrón”, dixo a conselleira chea de razón, un “obrón” tamén llo chamaron á Cidade da Cultura, e alí está. Tamén comentou que o “obrón” era a solución para vertebrar a comunicación da area metropolitana da Coruña e así reuniu a varios alcaldes que asistían absortos as imaxes simuladas, pero non lles dixo que a conexión coa A-6, a conexión necesaria, a que dá servizo a todos os concellos da área e une polígonos, portos e crea unha verdadeira circunvalación de toda a comarca xunto coa propia A-6 e a Terceira Ronda quedou eliminado do Plan MOVE 2009-2015.

Non lles dixo que a conexión coa AP-9 será con peaxe directo, e que o tráfico será escaso xa que o traxecto de ida e volta a A Coruña estará preto dos 3 € (Guisamo -Coruña 3,10 €) e que poucos serán os veciños de Oleiros que a collan. Ao alcalde oleirense dalle igual, el aplaude e mete presa. Hai que seguir vendendo, e o de Xaz non é cousa menor.

Non lles dixo nada da falta de planificación e diálogo que provocou e provoca o rexeitamento deste “obrón” por parte de moitos veciños e institucións, xerando tensións e enfrontamentos.

Non lles dixo, ainda que si o tiña que dicir, que a conexión coa A-6 é unha necesidade, e que a conexión coa AP-9 é unha simple opción parcial e cautiva para todo o entorno metroplitano.

En definitiva, dixo pouco e non dixo moito ante a atenta mirada de Gelo e a ausencia de Cambre que non dá crédito a como se ignora ao Concello que soportará no seu territorio este “obrón”. Xa denunciaron (non sabemos se lle otorgarán a cautelar solicitada), pero a conselleira Ethel Vázquez debería tomar nota e priorizar o que ela e todos sabemos que é o único valido para todos: conectarse coa A-6. O resto é enganarnos e eganarse…manipulación 3.0.

Pablo Couto López

Enxeñeiro de Camiños

Secretario Provincial de Infraestruturas do PSdeG-PSOE da Coruña.